Friday 17 de May de 2024

O Concello amplía o horario nos cemiterios e reforza o transporte con motivo do día de Todos os Santos


Ata mañá, mércores 1 de novembro, os cemiterios públicos da cidade pecharán as súas portas unha hora máis tarde, ás 19.00 para facilitar as visitas da cidadanía

A causa de alerta laranxa por vento, o acceso principal ao Cemiterio de San Amaro pecharase ás 16.00 horas ficando abertas as entradas laterais

Ata mañá, mércores 1 de novembro, o Concello ampliará nunha hora, en quenda de tarde, o horario de operatividade dos cemiterios públicos da cidade. Co obxectivo de facilitar as visitas da cidadanía nestas datas tan sinaladas, as instalacións, abertas desde as 9.00, pecharán as súas portas ás 19.00 horas.

A causa de alerta laranxa por vento, o acceso principal ao Cemiterio de San Amaro pecharase ás 16.00 horas. Ficarán abertas as entradas laterais pola rúa Rafel Baixeras.
Ademais, o Concello reforzará o transporte público e activará un dispositivo especial da Policía Local por mor da festividade de Todos os Santos, dando resposta á afluencia de xente prevista nos camposantos da cidade.

● Días 31 de outubro e 1 de novembro: reforzo das liñas 23 e 23-A con dous autobuses máis. Desta forma, a frecuencia combinada de ámbalas dúas liñas, que dan servizo ao cemiterio de Feáns, será de 17 minutos.

● Día 1 de novembro:
○ Reforzo da liña 3, dando servizo aos cemiterios de San Pedro de Visma e San Amaro, cunha frecuencia combinada coa liña 3-A, de 16 minutos.
○ Ao cemiterio de San Pedro de Visma tamén darán servizo as liñas 12 e 14.
○ A liña 11, cun percorrido transversal da cidade e cun transbordo a todas e cada unha das demais liñas, reforzarase con dous autobuses adicionais ao longo de toda a xornada, dando servizo ao cemiterio de San Amaro cunha frecuencia de 17 minutos.
○ As restantes zonas da cidade estarán comunicadas co cemiterio de San Amaro a través das liñas 4, 5, 6, 6-A, 7 e 17.
○ O cemiterio de Oza, no barrio do Castrillón, estará comunicado por medio das liñas 1, 12-A e 14.
○ O cemiterio de San Cristovo das Viñas estará comunicado por medio das liñas 5, 12-A e 22.